A Coordinadora pola defensa do litoral do Morrazo apoia aos veciños e veciñas de Cangas que van enxuizar o próximo 12 de Setembro as 12:30 no Xulgado de Cangas por presuntas coaccións a traballadores da empresa que pretende construir un porto deportivo no Salgueirón, e recomenda a asistencia ao xuizo. O Foro Social de Cangas sostén que esta obra é ilegal e alega que entre outras irregularidades figura vendido como terreo particular unha superficie de 16 mil metros cadrados que en realidade eran recheos de 1949 e polo tanto terreos públicos.
Outro dos asuntos tratados o pasado sábado no Centro Sociocultural de Tirán foi a inclusión da coordinadora na Rede Litoral Vivo, que precisamente se constituiu ese mesmo día en Santiago. Na reunión da capital galega, convocada polo grupo ecoloxista Verdegaia, acordouse crear a rede coa finalidade de manter un contacto permanente entre colectivos que defenden o litoral e mostrar a magnitude do ataque urbanístico xeralizado que está a sofrer o litoral galego.
Participaron na xuntanza de Tirán: Natura Céltica, Loita Verde, Anduxía, Foro social, Amigos do Morrazo Verde, a Confraría de Cangas, e o Colectivo Nacionalista de Marín. Tamén asistiu Voces polo litoral de Teis, colectivo que leva anos denunciando as ilegalidades do porto deportivo da Lagoa construído no barrio vigués.
Defensa do litoral celebrou a súa última reunión o primeiro sábado de setembro. Cada mes rota polos municipios da comarca. A próxima xuntanza será en Bueu o 7 de Outubro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario