abril 27, 2009

Ruta de sendeirismo pola Carballeira de Coiro




Saída e chegada: Mirador do monte Ermelo
Duración: 1 hora e media Distancia: 6 km
Dificultade: fácil Calzado cómodo para camiñar
Día: sábado 16 de maio de 2009 Hora de saída: 10.30 horas da mañán


1º Saída: mirador do monte Ermelo.
2º Por un sendeiro iremos ó monte Paralaia.
3º Baixaremos por unha pista ata a área recreativa do Outeiro do Cruceiro.
4º Da área recreativa tomaremos outro sendeiro que nos conducirá de novo ata ó monte Ermelo.


Descripción da ruta


A cruz de Santiago do monte Ermelo sinala o lugar onde, segundo a tradición, o Apostolo predicou durante a súa visita a estas terras. Desde a cruz hai impresionantes vistas ás rías de Pontevedra e Arousa.
Pasaremos pola igrexa de orixe románico que hai na aldea de Ermelo.
Desde a cruz do Paralaia, hai vistas á ría de Vigo.
Nalgúns tramos o sendeiro está afundido ata dous o tres metros baixo o nivel normal do chan; o paso continuo durante moitos séculos de homes e mulleres polos mesmos sitios foi afundindo o camiño.
A ruta discorre entre carballos e outras árbores (castiñeiros, piñeiros, eucaliptos, ameneiros, pereiras, falsas acacias, acacias e mimosas) e arbustos (xesteiras, codesais, matogueiras de leguminosas espiñentas, cistáceas e ericáceas).



Valores naturais da carballeira de Coiro

Un dos últimos bosques autóctonos que aínda se conservan nas costas de Pontevedra ocupa unha parte de tres parroquias, Ermelo (Bueu), Coiro (Cangas) e Moaña (Moaña); a Xunta de Galicia incluiuno no Inventario de espacios naturais a protexer, porque “polos seus valores ambientais, ecolóxicos, biolóxicos, botánicos, paisaxísticos, científicos, educativos ou recreativos, debe preservarse para a súa protección ou mellora”. Desde súas cumes, o Ermelo que chega ós 411 metros sobre o nivel do mar e o Paralaia de 439 metros, poden contemplarse as rías baixas e as illas, Cies, Ons e Sálvora.
Na carballeira de Coiro viven moitos animais; desde os xabarís, raposos, coellos, ourizos, esquíos e morcegos; ata córvidos como o gaio, a pega e a choia; hai aves rapaces como os miñatos, as curuxas e os mouchos; tamén paxaros como os petos, os ferreiriños, o peto verdeal, o verderolo e o gaveador azul, máis raramente a bubela, e tamén podemos escoita-lo cuco; tamén hai píntegas, cobras de auga, escánceres e lagartos das silveiras, todos eles beneficiosos para o ecosistema.
Na carballeira de Coiro hai carballos, que son as árbores máis xenuinas da paisaxe natural galega, ademáis castiñeiros, piñeiros, eucaliptos, ameneiros, pereiras, falsas acacias e incluso acacias e mimosas; tamén xesteiras, codesais, matogueiras de leguminosas espiñentas, cistáceas e ericáceas.
A extracción de madeira, de leña e a corta case acabou coa Carballeira que, no estado actual, atópase na primeira das etapas para chegar ó bosque clímax. Os bosques non afectados pola intervención humana renóvanse eles mesmos; pero moi poucos bosques están exentos da presencia humana que os degrada máis ou menos intensamente ó impedi-la súa rexeración natural, xa directamente cortando os anovos ou indirectamente alterando o hábitat no que viven.
As leis que protexen este bosque non só establecen a obrigatoriedade de solicitar permisos para corta-los carballos, calquera que sexa o seu tamaño ou a cantidade de madeira; tamén prohíben verter escombros. Non só os amantes da natureza recorren a carballeira, hai deportistas que corren polas súas corredoiras, recolledores de cogumelos e tamén, desgraciadamente, afeccionados ó motocros que ao ir polos sendeiros de terra destrúen o solo e ignoran, consciente ou inconscientemente, a prohibición que lles impide practica-lo seu deporte en espacios non acondicionados para eles.

No hay comentarios: